PROPOSTAS DAS LECTORAS

Título: As rulas de Bakunin
Autor: Antón Riveiro Coello
Editorial: Galaxia (6ª edición-2010)


“As rulas de Bakunin” é unha obra que recolle a esencia do momento sociopolítico vivido pola sociedade galega durante o século XX a través da traxectoria vital do seu protagonista, Camilo Sabio. Dende neno, Camilo foi un rapaz interesado polo mundo político e concienciado na loita polos dereitos do pobo; o seu principal modelo a seguir, o seu avó, é a referencia do que foi marchar ao exilio para tantos galegos e dun home comprometido coa causa de mellorar os dereitos e libedades dos seus semellantes. El, e máis tarde o seu neto, formarán parte desa poboación galega que buscou en Sudamérica a alternativa a unha vida chea de miserias e inxustizas sociais. Estevo Doldán, que así se chamaba seu avó, foi expulsado de Arxentina pola Lei de Residencia que lle impedía permanecer alí. Pese a isto, tivo o privilexio de gozar dunha educación libre en Bos Aires, o que lle permitiría ao seu neto poder ter unha formación cultural privilexiada con respecto ao que se ensinaba nas escolas da época.
Coa súa volta, o avó Estevo e a súa muller Cristal (personaxe que representa o rol de muller avanzada para o seu tempo: fumaba públicamente, non pisaba a Igrexa...) decidiron levar unha vida independente dos tradicionalismos sociais que desvelou aos seus veciños o seu pensamento anarquista e ateo, inaceptable para a maioría; por esta conduta, tras a ditadura de Primo de Rivera serían acusados de revolucionarios polo sacerdote do pobo.
Para Camilo, a continua loita interior dos seus avós (para el a actitude da súa avoa é unha protesta cara os prexuízos sociais tradicionais e parécelle un acto de valentía digno de admirar) suponlle unha infancia aberta a ese mundo revolucionario e antisistema que eles lle amosan; herda o mesmo compromiso co ideal libertario e o progreso do seu avó e as súas ansias de formar parte da resistencia dos montes galegos durante a Guerra Civil custaranlle o ingreso no cárcere e posterior exilio en Uruguay.
Trátase dunha obra chea de reflexións acerca da ideoloxía anarquista do protagonista e de alusións ao momento histórico no que se desenvolve a acción. Considéroa apropiada e moi recomendable para todos os públicos; mostra unha realidade que os nosos pais, avós e bisavós viviron e unhas vivencias que os rapaces de hoxe vemos moi afastadas e sen ningunha repercusión nas nosas vidas, sen saber que o ocorrido hai cincuenta anos explica o por que do funcionamento actual da sociedade e as razóns polas que hoxe podemos considerarnos un país democrático.

Gracias a obras como esta temos a oportunidade de coñecer dende un punto de vista máis próximo e ameno os feitos políticos aos que alude constantemente e que tanto condicionaron a vida da sociedade española durante o século XX. Tendo un certo coñecemento de causa e referencias tanto da propia familia como doutros medios a comprensión da obra é moito máis sinxela; o autor preséntanos a situación que nos levou á actualidade dende unha perspectiva cercana e íntima, de xeito que os lectores podemos aproximarnos á idiosincrasia dos personaxes e empatizar con eles.

Eva Fernández Paderne 2º BAC

Comentarios