PROPOSTAS DAS LECTORAS

TÍTULO: Soldados de Salamina
AUTOR: Javier Cercas
EDITORIAL: Tusquets Editores

Soldados de Salamina relata a historia dun personaxe importante da Falanxe, o poeta-escritor, Rafael Sánchez Mazas, que viviu o final da guerra un episodio un tanto peculiar, salvouse de ser fusilado polo bando republicano cerca da fronteira con Francia, en Cataluña, despois de pasar un tempo encerrado nun barco reconvertido en prisión. Tras salvarse grazas á misericordia dun dos milicianos, o cal lle permitiu fuxir, sobreviviu nos arredores de Banyoles grazas á familia Ferré e máis tarde grazas a tres soldados desertores do bando republicano que se escondían no mesmo lugar ca el. Sánchez Mazas non tardou en ser rescatado polo exército rebelde, e tras o final da guerra dedicouse á política, campo no que fracasou, aínda que acabou vivindo confortablemente como herdeiro dunha fortuna.

          Este libro está dividido en tres partes diferenciadas. Na primeira o autor, Javier Cercas, relata como coñeceu a historia grazas a unha entrevista co fillo do protagonista, e como grazas á colaboración de diferentes persoas reconstruíu a historia ao completo, entre esas persoas algúns dos que axudaron a sobrevivir a Sánchez Mazas.

          Na segunda parte é onde se relata a historia dende os inicios de Sánchez Mazas como falanxista seguidor de José Antonio Primo de Rivera ata o final da súa vida.

          Na terceira parte regresa Javier Cercas desconforme coa historia, encontrando un final colosal para o relato. Tras unha entrevista con Roberto Bolaño descobre a un excombatinte, coñecido do escritor, que loitou na Guerra Civil ou na Segunda Guerra Mundial. Este excombatinte resultou ser un dos que se encontraban custodiando aos presos no mesmo lugar no que Sánchez Mazas estivera recluído. Con esta parte Javier Cercas cambia totalmente o enfoque do libro, pasando de contar a historia dun falanxista e escritor  con moita sorte, a contar a historia de persoas como o excombatinte que loitaron en guerras que iniciaron personalidades como Sánchez Mazas e que sen ser coñecidas, sen ter esa fama permanecerían vivos en historias coma estas.


          Entre todas as personaxes que aparecen na novela, sen lugar a dubidas o que máis me fascinou foi Miralles, o excombatinte que lle dá ao escritor o final desexado para o libro. Miralles non é o que inicia a historia, nin o protagonista, pero é unha persoa que transformou totalmente a forma que tiña de ver as guerras e os participantes. Durante a entrevista que ten Javier Cercas co propio Miralles, relata os seus inicios na Guerra Civil con un grupo de rapaces da súa idade do mesmo lugar de orixe. Miralles conta como cada un deles foron morrendo sen chegar a vivir unha vida, e sen ser recordados por ninguén, excepto el, porque ao fin e ao cabo non tiñan a ninguén. Así Miralles sentíase culpable por vivir e non estar con eles, recordándoos cada día da súa existencia. Deste xeito Miralles fíxome preguntarme cantos máis haberá como ese grupo de rapaces que non aparecerán nin como cifra nos libros de historia?
Sandra Calvo 2º BAC

Comentarios