CLUB DE LECTURA

TÍTULO: Historia de una maestra
AUTORA: Josefina Aldecoa

Historia de una maestra é unha obra que rinde homenaxe á labor de todos os mestres que participaron con ilusión e dedicación na reforma educativa que se intentou levar a cabo durante a II República.
A protagonista, Gabriela, é unha mestra recén graduada chea de ideais e proxectos que ve na súa profesión a marabillosa posibilidade de non só ensinar novos coñecementos, senón de educar persoas capaces de pensar e decidir por si mesmas e facer progresar a futura España.
Durante toda a obra os lectores somos partícipes da encomiable labor que levaron a cabo os mestres da República, que intentaron facer da liberdade e da igualdade dous principios fundamentais na educación. A coeducación, a educación laica ou o acceso á cultura para todos eran algúns dos principios nos que se baseaba o proxecto que querían levar a cabo a protagonista e varios dos personaxes cos que se cruza ao longo da obra, cada un representante dun estrato social afectado de distintas formas pola nova forma de goberno.
          O libro remata co estalido da Guerra Civil, feito que paralizará todas as reformas a prol da educación e a modernización de España que intentaron levarse a cabo durante a República, considerada unha etapa de esplendor a nivel cultural.
É unha obra moi recomendable, que nos fai darnos conta de canto se tivo que loitar para que hoxe unha educación de calidade sexa un dereito básico e accesible para todos.

Eva Fernández Paderne-2º BAC

A novela narra a historia de Gabriela, unha mestra que exerce en varios pobos rurais e mesmo en Guinea Ecuatorial, desde os anos vinte, pasando pola época da República ata os inicios da guerra civil.

Na primeira parte, Gabriela remata a súa carreira de Maxisterio en Oviedo no ano 1923, e o día que iso sucede ten lugar a voda de Francisco Franco, que acabaría marcando o seu destino e o dos demais españois. Seguidamente ten a súa primeira escola nun pobo da provincia de León. Despois de aprobar as oposicións en 1928, cando tivo a oportunidade de elixir un destino, escolleu o que ninguén quería: Guinea Ecuatorial, onde descobre un mundo diferente e no que ten que traballar nunhas circunstancias moi duras pero con grande entusiasmo, ademais alí coñece a Emile, un personaxe que deixará fonda pegada nela.

A segunda parte coincide co regreso de Gabriela á Península, despois de deixar Guinea por unha enfermidade. Xa casada con Ezequiel, outro mestre, e embarazada trasládanse a un pequeno pobo no que nacerá Juana, xusto o día no que se proclama a República, un periodo no que se fixo unha gran labor pola educación.

Na última parte, a familia deberá trasladarse novamente a un pobo mineiro no que o alcalde é republicano e mesmo darán clase aos adultos. Ao final, a revolución de Asturias de 1934 marcaría as súas vidas, xa que Ezequiel acabará ao lado dos insurrectos e comezarán as revoltas.

A autora, Josefina Aldecoa, pretende render homenaxe aos mestres da República que con tanto entusiasmo pretenderon educar a un país que estaba sumido na ignorancia e no que a Igrexa tiña moito mando. Esta obra é capaz de transportarnos aos anos 20 e 30 e facernos partícipes dos feitos históricos e políticos que sucederon durante esa época; ao mesmo tempo fainos admirar unha profesión na que persoas tan entregadas como Gabriela aman o seu traballo e son capaces de formar persoas xustas e libres. Un mestre con vocación é sempre unha persoa moi importante na vida dun alumno e que o vai marcar para o seu futuro.

Sara Campos 2º BAC

Comentarios